E volveu Fraga
Como feito adrede, a comisión parlamentaria que investiga o feito na Cidade da Cultura reuniu nunha mesma mañá a Feijoo a Fraga, pasado e futuro do Partido Popular en Galicia. E máis alá do dito e do que se quixo dicir, unha cousa quedou claro: Fraga todavía segue a ser a referencia política de moitos galegos. Iso sábeno todos os medios. Fraga vende, fale ou non fale. Fraga sempre é noticia.
Xa quedou demostrado polo overbooking de xornalista na sala de comparecencias. Ou polo colapso informático no Parlamento, motivado pola multitude de conexións a internet para ver en directo a comparecencia do León de Vilalba. Todo expectación.
Con esas, a presenza de Feijoo pasou pouco menos que desapercibida. Foi o segundo prato do universo da centrodereita galega, algo ao que non está todavía acostumado. Defendeu o proxecto do Gaiás, como non ía ser menos, pero o que poucos imaxinaban era o que posteriormente dixo Fraga.
O ex-presidente asumiu “erros de coordinación”, algo que salta á vista vendo o desfase orzamentario. Pero ao mesmo tempo, descargou culpas a compañeiros do Executivo popular daquel momento, e mais en concreto, os titulares de Economía e Cultura, Orza e Pérez Varela.
Mais como en toda boa comida, faltaba o postre. E o postre veu da man dun arquitecto alemán, con aspecto chinés e o único ao que non lle gustou a proposta de Eisenmann, ata o punto de votar en contra cando integraba o xurado. Wilfried Wang elevou a 600 millóns de euros (100.000 millóns das antigas pesetas) o custo da obra. Só do remate da obra.
A Wang non se lle escapou que os 700.000 metros cadrados do Gaiás haberá que enchelos de contidos, limpalos, darlle luz e o máis importante, promocionalos internacionalmente para lle obter rendabilidade. O traballo da comisión céntrase no pasado, pero o arquitecto non deixou de falar do futuro. De aquí a 50 anos. Outra mentalidade, quizais?


