Antón Losada, o reverso tenebroso
A estas horas todas as portadas dos medios galegos en internet coinciden en destacar o mesmo: O Consello da Xunta cesou a Antón Losada, a petición propia. Marcha o odiado número dous de Quintana sen moito ruído e sen máis declaración que “voume porque é a fin dun ciclo”.
Había insistentes rumores da súa marcha dende maio, polo menos. O secretario xeral acumulou demasiadas polémicas absurdas, como o enfrontamento con El País porque falaran mal de Superpiñeiro, a bronca con Méndez Romeu por un quítame aló ese cartel e a revolta mediática para aclarar que non maltrataba a súa criada. Os inimogos medráronlle e mesmo se dixo que presentaría a súa dimisión tras as municipais, pero vese que os malos resultados do BNG (por moito que eles digan, foron malos) non aconsellaban tal mostra de debilidade. Pero vendo o caladiño e moderado que estivo Antón durante todo o verán, semella que xa tiña a decisión tomada, antes da batalla do himno e o veto da TVG.
Losada era, sen lugar a dúbidas, o alto cargo máis coñecido da Xunta (¿alguén que non sexa político nin xornalista sabería nomear a outro secretario xeral?), porque as súas funcións ían moito máis aló do que se lle supón a secretaría xeral de Relacións Institucionais. Máis que a negociar competencias con Madrid, Losada xogaba a ser o reverso tenebroso de Quintana, ese asesor que todos os políticos teñen e que serve para expresar opinións impopulares e darlle caña inclemente á oposición (ou ós socios de goberno, adepende). Iso foi Xaime Pita para Fraga, e iso é Pepiño Blanco para ZP.
Este señor da Mariña levaba tamén de modo oficioso a política de comunicación da Vicepresidencia e, algo menos, a das consellerías do BNG . Nunca se recoñeceu oficialmente, pero era un segredo a berros, os berros que Losada lle pegou a máis dun responsable mediático por non poñer os titulares que el quería. Hoxe en moitas redaccións brindarase polo cesamento.
E tamén, como home polifacético que era, sabía de márquetin político (perdóeme a palabrota, señor Pérez) e tivo tamén moito que ver coa construcción da personaxe de Anxo Quintana Vicepresidente, ese que baila con vellas (coas nosas maiores) e que lles chama galescolas ás garderías.
Moitos cargos para unha soa persoa, e en todos se extralimitou Losada, nun interese desmedido por empregar e demostrar o poder que tiña. Foi demasiado tenebroso, demasiado agresivo cos medios, e demasiado producto de márquetin. Por iso non lle caía ben a ninguén, nin dentro nin fóra do BNG, aínda que agora que ven pasar o cadáver do inimigo todo sexan palabras amables.
Queda por ver agora como camiñará Quintana sen o bastón no que se converteu o seu asesor personal nestes últimos anos.


