PARVADAS AO REDOR DA VOLTA
Levo días escoitando parvadas ao redor da organización das etapas galegas da Volta a España. Primeiro foi o PP, hai unha semana, e agora é Ciudadanos de Catalunya, que por certo repite palabra por palabra a denuncia do Partido Popular. Gañas de chamar a atención en ambos os dous casos, de aparecer nos medios, sobre todo no caso de C’s, esa fantasmagórica formación política baseada no populismo e a demagoxia máis destrutiva; unha auténtica “marca branca” do PP.
As críticas que lle fan á Consellería de Cultura e Deportes son varias: 1- Que a Volta sae de Vigo, a cidade do ex director xeral para o Deporte, Santi Domínguez. 2- Que a maior parte das chegadas e saídas teñen como escenario concellos gobernados polo BNG. E 3- Que ningún deses concellos está gobernado polo PP.
Mira que hai cousas que criticarlle ao bipartito, pero saír con isto son gañas de facer o ridículo.
Vexamos:
1. A Volta sae de Vigo porque é, con moita diferenza, a comarca con máis tradición ciclista de Galicia
2. Que eu saiba, Vigo, Santiago e Viveiro están gobernados polo PSOE, non polo BNG
3. A Volta non sae nin chega a concellos gobernados polo PP, simplemente porque o PP apenas goberna en vilas con capacidade para acoller eventos desta dimensión, agás Ribeira (13º concello de Galicia) e Lalín (22º).


