TOMAR PARTIDO


Hai veces en que hai que tomar partido. Hai situacións ou conflitos sociais nos que non se pode estar en dous bandos a un tempo, aínda que a priori ambas opcións sexan respectables e importantes para determinados colectivos sociais. Nas últimas décadas estanse producindo decote choques entre dous conceptos: o da produción, ben industrial ou agrícola, entendida como crecemento económico; e o da conservación do medio ambiente. E un punto de inestable equilibro: o desenvolvemento sostible.

Nas últimas semanas os temarios informativos están inzados de conflitos sociais con esta estrutura. A nivel global temos o difícil asunto dos biocombustibles, defendidos pola administración norteamericana (necesitada de alternativas ao petróleo) e por Lula (por ser Brasil e a súa cana de azucre o principal produtor mundial); e criticados por Chávez (cuxa influencia internacional podería perigar), grupos ecoloxistas e por distintos colectivos que alertan dos perigos de potenciar unha tecnoloxía que xa fixo aumentar o prezo dos cereais un 50% e provocar fames xeneralizadas no terceiro mundo, como xa sucedeu en México.

En Galicia temos igualmente numerosos exemplos. Por unha banda, os discursos en defensa do crecemento económico e o desenvolvemento industrial nas minas do Courel, a instalación de piscifactorías na costa, a planta de Reganosa en Ferrol, a agricultura da comarca da Limia ou o complexo de Ence-Elnosa en Pontevedra. Pola outra, os chamamentos á defensa do medio natural, das zonas de costa protexidas, das zonas de protección animal e das rías.

Non se pode xeneralizar. Hai que analizar caso por caso, pero tendo moi en conta as xustas características de cada conflito. Cómpre valorar a verdadeira importancia económica das industrias, a porción de riqueza que reverte no territorio no que se instalan. E cómpre valorar as posibilidades de desenvolvemento económico que se poden botar a perder pola degradación dos recursos naturais ou da paisaxe.

A esquerda ten que tomar partido nestes debates e debe ter unha posición clara. Sobre todo a esquerda nacionalista, comprometida coa defensa do medio ambiente, e ao tempo defensora do “desenvolvemento económico do país e dos seus sectores produtivos”. Este tipo de conflitos aumentan a súa importancia día a día e non sempre se pode quedar un no medio.

Información e Enlaces

Comenta, entérate do que dixeron outras persoas, ou enlaza isto no teu blog.


Outros posts
PARVADAS AO REDOR DA VOLTA
¿Pérez Varela nos tribunais?

Comentarios

Sentímolo, pero os comentarios están pechados.