MORTE AO MARKETING
Nos últimos meses coñecín un pouco mellor o mundo do marketing, o político e o empresarial. O mesmo dá, pois a súa análise da realidade e os instrumentos empregados para influír nela son moi semellantes. Ambos caracterízanse pola súa simplicidade, mesmo excesiva, e a súa tendencia a esquematizar realidades complexas para avanzar na consecución de obxectivos. Na miña opinión mesmo o marketing empresarial adoitar caer nun excesivo simplismo, á hora de analizar situacións complexas.
Pero o que cada vez se está demostrando máis errado é a moda do marketing político, iniciada nos Estados Unidos nos anos oitenta. A definición académica de “Marketing Político” é a de “conxunto de técnicas de investigación, planificación, xerenciamiento e comunicación que se empregan no deseño e execución de accións estratéxicas e tácticas ao longo dunha campaña política, sexa esta electoral ou de difusión institucional”.
O problema do marketing político é que se empeña en reducir a realidade a pares de conceptos, simplificándoa até o ridículo, sen decatarse de que a realidade, a xestión da sociedade, é SEMPRE moito máis complexa. O marketing, a través dunha linguaxe artificial e tecnicista, cre atopar solucións máxicas e infalibles. E ás veces acerta, mais non sempre.
Hoxendía, na política galega e estatal ningún partido se salva do abuso destas técnicas, que están afondando no afastamento entre cidadanía e políticos, agora protexidos por un entorno matemático, controlado.
Ollo, moitos dos seus instrumentos son moi útiles e eficaces. O que ocorre con estas cousas é que se adoita caer no papanatismo, colocando o instrumento por diante da súa función.
(*) Supoño que debo desculparme pola miña prolongada ausencia. Asuntos profesionais tivéronme bastante ocupado. Pero estou de volta. Xusto agora que os políticos marchan de vacacións.


