Menos mal que chove…


Veña, xa vai sendo tempo de reactivar o blog este ¿non?

A maioría dos galegos andan dende do 21 de xuño botando pestes contra este clima atlántico tan noso. Que se xa é verán e non vimos máis que néboa e choiva, que se que asco de tempo, que se así non hai quen pise a praia… Ben, razón non lles falta, pero hai que mirarlle tamén o lado bo ó asunto. E non falo da fermosura dos ceos grises, cantada por Siniestro Total, falo de que é unha sorte que chova, porque hoxe en día o mal tempo semella ser o único capaz de librarnos dunha nova crise de lumes forestais.

Moita boa intención o ano pasado, moito Pladiga anunciado a bombo e platillo, e moito exército nos montes, pero a Consellería do Medio Rural non conseguíu que Galicia deixase de ser altamente inflamable. Non se reformou o sistema de queimas autorizadas, que segue a ser un dos máis permisivos do Estado (na comunidade con máis incendios… sen comentarios). Non se lle meteu man ó principal punto feble dos servizos de extinción, as cuadrillas municipais, que de sempre serviron para colocar ós cuñados inútiles dos alcaldes e cuxa reforma quedou no limbo no que están as negociacións do Pacto Local. E tampouco se reforzaron realmente os efectivos da Xunta, quen, segundo os seus líderes sindicais, están peor que antes (o que significa, que como pouco, non melloraron en nada) e inda por riba ameazan con ir á folga.

O severo cabreo no colectivo dos axentes forestais vai máis aló. Eses tipos son os que coidan os montes todo o ano e que, como coñecen o terreo e a forma na que se espalla o lume, tamén coordinan os equipos de extinción. De sempre, os axentes forestais teñen queixas sobre as cuadrillas municipais (esas que non se reforman) porque o 90% dos seus integrantes carecen de formación e non teñen nin idea de que facer perante un incendio. E resulta que ¿como se reforza a vixiancia dos montes este ano? Co exército, si, e con voluntarios, os que se lles da un folleto e un cursiño dun día. O principal temor é que, dado o elevado número de queimas autorizadas (esas que non se reforman), a radio dos axentes forestais estea todo o día ocupada con falsas alarmas. Carne de pposición, vexan.

Así que deixen que chova, que chova, e toquemos madeira (de eucalipto, claro). Con sorte, o clima atlántico librararos doutro agosto como o de 2006, e regalaralle un ano máis o señor Alfredo Suárez Canal para enfrontarse a estes problemiñas, a ver se tal. E se teñen ganas de ir á praia, aproveiten as vacacións para ir o Algarve, que din que é fermoso nesta época do ano.

Información e Enlaces

Comenta, entérate do que dixeron outras persoas, ou enlaza isto no teu blog.


Outros posts
Eu as cousas difíciles non as entendo…
¿O HARAKIRI DAS DEPUTACIÓNS?

Escribe un comentario

Adícanos un momento para deixar un comentario e contarnos a túa opinión. Podes formatear cun HTML básico.

Comentarios

Pero non choverá eternamente, témome (dígoo, ademais, porque non cre que vaia ter vacacións). Non sei, non creo que este ano vaia ser coma o 2006 (xa pasou o San Xoán e non pasou nada).

Por certo, estaba agardando por vós. A ver se mando un textiño esta semana

Lembre, señor doutor, que o ano pasado foi tranquiliño ata estalou a febre aló polo 8 de agosto. En todo caso, non, non creo que volva pasar o mesmo, pero iso non quita que a organización dos servizos anti-incendios dea noxo.

E, sí, a ver se poñemos isto a andar como debería.

Un saúdo e noraboa polo seu novo nomeamento.