¿Gañou Esperanza Aguirre en Galicia?


Algo mal ten que estar facendo o PSOE para que uns días despois das eleccións ao señor Núñez Feijoo se lle pase pola cabeza dicir que os socialistas obtiveron un mal resultado en Galicia. Fala o líder dunha forza política que vén de perder practicamente todo o poder que lle quedaba no noso país. O PP desapareceu do mapa o domingo. E onte Núñez Feijoo aínda sacaba peito. ¿Que sucede aquí?

O que sucede é que Feijoo é o líder do PP en Galicia, pero non fala de Galicia. Aférrase ao éxito do seu partido en Madrid e Valencia, á vitoria en votos (aínda que os populares perden moito poder real), e repite, punto por punto, o discurso de Acebes e Rajoy. Sen decatarse (ou disimulando moi ben) que o PP fracasou o domingo en Galicia e que obtivo os peores resultados posibles (agás a axustadísima vitoria na deputación de Pontevedra).

¿Que sucede aquí? O que sucede é que moitos líderes políticos galegos, entre eles Feijoo, están obsesionados por Madrid (el rompeolas de todas las Españas), e pola prensa madrileña. E de tanto escoitar a Cope, de tanto ler El Mundo ou ABC, miden os resultados das municipais en Galicia polos datos de Gallardón e Esperanza Aguirre. ¿E o PSOE? Pois ao PSOE pásalle algo semellante, neste caso cuns El País e SER que tampouco son capaces de ver máis aló de Guadarrama. Nos seus medios afíns, os socialistas falan de Sebastián e Simancas, no canto de lembrarlle ao PP a súa histórica derrota en Baleares, Navarra ou Galicia. Pero isto xa non sorprende, se se analiza a política comunicativa do PSOE nos últimos meses, nos que deixou que o PP lle marcase a axenda e elevase aos temarios dos medios os seus temas predilectos.

Por iso, se nos próximos días seguides escoitando estes discursos triunfalistas do PP e derrotistas do PSOE, non vos preocupedes, Esperanza Aguirre non é a nova presidenta da Xunta.

Información e Enlaces

Comenta, entérate do que dixeron outras persoas, ou enlaza isto no teu blog.


Outros posts
Pactando, que é xerundio
Alcaldes Frikis (II): Os que perderon

Escribe un comentario

Adícanos un momento para deixar un comentario e contarnos a túa opinión. Podes formatear cun HTML básico.

Comentarios

¡Sé o primeiro en deixar un comentario!