Alcaldes Frikis (II): Os que perderon
Xosé Manuel Cendán, de Ares, saíu tocado da loita fratricida co seu irmán, Luis. Seica os dous querían mandar máis do que lles tocaba (non sei cantose poderá mandar en Ares, pero…) e, pese a que intentaron solucionalo varias veces a berros no bar da familia, Os Nanos, non houbo acordo e sí escisión. Luis Cendán, o irmán pobre, fundou o seu propio partido, con todos os concelleiros do PP da vila, e que decidan os votantes. E os votantes decidiron que haberá bipartito entre o PSOE e o BNG. Mala sorte, sigan xogando.
Ramón Rodríguez Ares, de Sada, volve perder as eleccións, pese ó innegable gancho que tiña o seu eslógan Moncho y Sada, ¡Que pasada! Porén, a última vez a derrota nas urnas non foi abondo para mantelo afastado da alcaldía, xa que un oportuno tránsfuga socialista pasouse o seu partido, o SAPO (partido demócrata SAda POpular, aínda que as siglas oficiais son PDSP). Desta vez, o goberno depende de que o único edil da formación independente ASU (Agrupación Sada Unida) apoie a BNG e PSdeG. Risos garantidos na investidura.
Teodosio Martino, de Ordes, o alcade que cobraba máis que o presidente da Xunta, pasa de ter nove concelleiros a ter catro ¿Paliza? A medias, xa que os gañadores das eleccións, o UXO (Unión por Ordes) son, en realidade, cabreados que marcharon do PP por non entenderse con Martino (¿non tiñan super-soldos, talvez?), así que o voto conservador non se move do sitio. En fin, que con seis grupos políticos nun pleno de 17 concelleiros, sabe deux quen vai ser o alcalde de Ordes. Outra investidura para non perderse.
E reservo ó mellor para o final, Armando Blanco, de Teo, o Rei das Tortillas, vai ter que marchar para casa e recuperar o seu posto de funcionario en excedencia, logo de perder dous concelleiros ante o ascenso do BNG. Os ordenses vivirán máis tranquilos, pero de seguro que rirán moito menos co novo alcalde.
A modo de conclusión, semella que a maioría dos noso alcaldes ‘peculiares’ renovarán os seus gobernos e mesmo os que perden non foron derrotados con claridade (agás Martino). Poderíamos dicir, como hipótese, que canto máis raro é o alcalde, máis fidelidade desperta. Lembrade senón a Paco Vázquez…
P.S.- No Galpón de Breogán tendes un enfoque moito máis divertido sobre o tema.


