PSdeG-PSOE: Agora ou nunca
Pode resultar paradoxal que eu afirme que estou convencido de que o PSOE é o partido que máis vai mellorar os seus resultados en Galicia nas eleccións municipais, e que ao mesmo tempo diga que é quen máis ten que perder. Os resultados do PP vanse mover entre o lixeiro descenso e a devacle, os do BNG entre o mantemento do nivel de voto do 2003 e unha pequena subida, e os do PSOE entre un ascenso moderado e un ascenso espectacular. É un paradoxo, repito, que neste escenario eu siga dicindo que o PSOE en Galicia pode ter un mal espertar o 28 de maio, mesmo mellorando os seus datos de hai catro anos.
É obvio que os socialistas galegos están nun bo momento. Gobernan en Madrid e Santiago, manteñen aínda o empuxe daquel “efecto Zapatero” do 2004 (aínda que seguramente a preamar do efecto quedou xa atrás), e poden capitalizar nos concellos a xestión realizada á fronte da Xunta. Factores todos que deixan ao PSOE ás portas de gobernar seis das sete cidades de Galicia, tres das catro deputacións e con opcións claras de facerse cun bo feixe de novos gobernos municipais en concellos de pequeno e medio tamaño.
Perfecto. ¿E se non o conseguen? ¿Que pasará se o PSOE non é quen de facerse con Ourense e/ou Vigo (a enquisa de Sondaxe de onte amosa a un Abel Caballero moi feble)? ¿Que pasará se non goberna as deputacións de Pontevedra e Lugo? ¿E se só conquista un pequeno número de novos concellos, e ningún deles de verdadeira importancia? O PSOE galego, despois dunha desastrosa década dos noventa, está no seu mellor momento, semellante ao das municipais de 1987 (cando obtiveron o seu mellor resultado co efecto arrastre do goberno de Felipe González), un escenario ideal que seguramente tardará moitos anos en repetirse. Se nestas eleccións non acada o resultado histórico co que soña, nunca o conseguirá. Todos sabemos do malas que son as vitorias amargas.


